Saturday 18 de May de 2024

Boqueixón é un dos 70 concellos galegos menos afectados polos incendios forestais


O municipio foi escollido para o desenvolvemento do proxecto Monte Demostrativo do Pico Sacro que se inaugurou hoxe

Boqueixón é un dos 70 concellos galegos que menos se viu afectado polos incendios forestais nos últimos dez anos. Así se salientou na Xornada Técnica polo Día Internacional dos Bosques, desenvolvida no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. O alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, presidiu esta xornada técnica na que se inaugurou o proxecto Monte Demostrativo do Pico Sacro, e dentro do que tamén se encadra o estudo sobre a afección de incendios forestais nos municipios da comunidade autónoma.

Na súa intervención, o rexedor boqueixonés salientou a importancia de preservar o medio natural. Precisamente nese afán de conservación, Fernández Munín lembrou que o Concello de Boqueixón está a desenvolver o seu plan de Mellora e embelecemento do Pico Sacro e a súa contorna. “Unha iniciativa que recibiu recentemente o Premio Galicia Parabéns outorgado pola Axencia de Turismo de Galicia, en recoñecemento ao labor desenvolvido a prol da posta en valor dun enclave histórico, turístico, cultural e natural de tanta importancia”, indicou. Nese senso, tamén lembrou as lendas existentes arredor do Pico Sacro coa Raíña Lupa e o dragón como principais protagonistas salientando a grande importancia deste espazo a todos os niveis.

O alcalde valorou moi positivamente o desenvolvemento de xornadas como a de hoxe que axudan a poñer en valor o entorno natural e a sacarlle un maior rendemento. Ademais agradeceu á Xunta de Galicia, representada neste acto polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, polo delegado provincial na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema Piñeiro, “todo o apoio amosado a esta iniciativa”.

O proxecto Monte Demostrativo do Pico Sacro

Tanto a xornada coma o propio proxecto Monte Demostrativo do Pico Sacro están promovidas polo Grupo Inditex e coordinadas pola Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con diversas entidades. Entre elas atópanse a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego; o Centro Tecnolóxico EnergyLab; a organización Forest Stewardship Council España; a Unidade de Xestión Forestal Sostible e o Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto Monte Demostrativo, que se inaugurou hoxe coa participación do secretario xeral do Grupo Inditex, Antonio Abril, ten como principal obxectivo promover a xestión profesionalizada dunha superficie total de 18 hectáreas na parte baixa do Pico Sacro. Ademais promove a difusión entre os propietarios forestais galegos de modelos silvícolas sustentables e compatibles co aproveitamento de distintos produtos forestais, madeireiros e non madeireiros. Outra das súas pretensións é que o monte sirva de lugar de referencia a escala operativa para divulgar técnicas e coñecementos silvícolas, así como practicar procedementos sostibles de xestión dos recursos.

Para desenvolver este proxecto, que iniciou a súa andaina hai dous anos, escolleuse esta zona do municipio de Boqueixón por contar a comarca da Ulla cunhas condicións extraordinarias para a produción de especies arbóreas frondosas, tal como indicaron dende a Asociación Forestal de Galicia. Ademais das sinerxias establecidas entre entidades, tamén se contou coa implicación dos 11 propietarios destes terreos, que acordaron cos promotores a súa xestión profesionalizada.

Dentro da parcela do Monte Demostrativo do Pico Sacro establécense dúas zonas (forestal e agroforestal) nas que se combinan ata 10 modelos de silvicultura diferentes, algúns deles de carácter experimental. Entre as plantacións cómpre salientar, na primeira das áreas, as de castiñeiros híbridos, souto vello, unha plantación mixta de frondosas e outra de cerdeiras. No caso da segunda zona, mestúranse plantacións de cerdeiras e millo e de nogueiras híbridas e millo, así como unha de nogueiras e outra de castiñeiros. Complétase o proxecto con zonas de conservación e custodia, depósitos e punto de auga e camiños de monte.